Entre o Océano, a Serra e o Ceo: Cariño
Cariño é concello que abre ao Cabo Ortegal, dende o septentrión de Iberia apuntando ao Atlántico. Paraíso xeolóxico, morfolóxico, ornitolóxico, arqueolóxico, paisaxístico e polo tanto cunha fonda historia e cultura expresada na vila e na súa paisaxe.
Entre o Océano, a Serra e o Ceo: Cariño
Ortegal, cabo escuro, obra de arte da Xeoloxía que, a desmán, apunta ao máis rigoroso océano. E quen busca e escolle Ortegal ben sabe o que fai: sae das rutinas e procura as orixes do mundo, pra atopar ademais o apracible pouso dunha espiral de mar, terra e ceo cosidos por saberes e historias mariñeiras, labregas e de emigración. Velaí a súa magnética singularidade. Diálogo entre os catro Elementos que soubo captar o xenial fotógrafo bretón, pecheur de images, Philip Plissom.
Pra ir cara ao Cabo Ortegal hai que pasar por Cariño , nome ben curioso e que quizais teña que ver co antropónimo “Carinus” aínda que tamén co latino “carex”, xunqueira... Núcleo mariñeiro que polo oriente ten como lindeiro o mar interior de Ortigueira, polo occidente os altares da Serra da Capelada, onde entre tantos enigmas da Galiza máxica se acocha o santuario de Teixido. Situado a carón da Estaca de Bares, ambos cabos aguillando ao setentrión e a un océano Atlántico que mesmo aquí mestura as súas augas coas do Cantábrico. Entre ambos os dous cabos queda debuxado o anfiteatro natural de Ortegal e un Ceo sempre en devalar. Polo sur Cariño ábrese a camiños interiores que unen as súas cinco parroquias dedicadas aos seus patróns: a do San Bartolo de Cariño, San Pedro de Feas, Santiago de Landoi, Santa María da Pedra e o San Estebo de Sismundi cara á encrucillada de Ponte Mera.
Mar de dentro de Ortegal cun especial microclima, brañas de acollida pra aves migratorias, o maior espazo do Convenio Ramsar de Galiza, zona entón considerada de especial protección (ZEPA) e conseguintemente de importancia Comunitaria LIC, iso ao menos din as leis.
Quen busca e vai a Cariño faino quizais atraído polo magnetismo do espírito da Terra. Ela corresponde, mostra escarnecida as súas entrañas: xigantescas penedas de estrañas formas, labradas ao longo dos séculos polos Catro Elementos, en alternancia con praias, pegadas dun cataclismo volcánico. Territorio de fondo valor xeolóxico, morfolóxico, conformado por materiais orixinarios da eclosión continental do Noroatlántico e o Báltico. Rochas básicas, ultrabásicas, gneis e as duras e metamórficas eclogitas , granitos negros, basálticos, as pedras máis antigas da península Ibérica, con máis de 160 millóns de anos, as que afloraron de baixo da superficie terrestre cando se fraccionan os continentes (Pangea).
Triunfo ecolóxico que se ergue no altar dos tres Aguillóns, o “trileucum lapatiorum” (en referencia aos tres farallóns, na punta brancos polo guano das gaivotas, en territorio céltico (do grupo dos “lapatiacos”), Cabo Ortegal ao que así se refire o xeógrafo grego do século II, Ptolomeo. Tres aguillóns que dende o medievo pasan a ser símbolo pra campar no escudo do que foi Condado de Ortigueira.
Camiños de Cariño á serra da Capelada, cos cantís do Limo coa súa Ara Solis, paraíso pros xeólogos... e outeando canto contamos o alto de Miranda (493 mts)... perto de onde, dende nos anos 80, en Landoy, se abriron canteiras de dunita, mineral composto fundamentalmente por olivino, esencial na fabricación de materiais refractarias. Camiños que, hoxe entre eólicos, seguen por Punta Herbeira, os acantilados máis altos da Europa continental, 613 mts. Miradouro sobre o que campa a garita vixía dos tempos de Carlos III, quizais das deseñadas polo enxeñeiro da Armada Eustaquio Giannini pra controlar canto ameazaba e viña polo mar...un monólito lembra tamén que neste punto e entre os conflitos da Segunda Guerra Mundial, desapareceu para sempre nun escarceo coa aviación alemá o espía británico e actor da película “O que o vento levou” Leslie Howard . Serra pola que se esparexen as greas de bestas bravas do monte, vacas e cabalos e que ao inicio de cada verán xuntaranse no curro e celebrarase en festa a súa rapa. Cerna do xeoparque do Cabo Ortegal que abrangue os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, con mar e humedais, entre Ortegal e Ladrido, labirinto no que xogan as mareas, paraíso ademais ornitolóxico, apropiado pra observación de aves, entre elas as estrañas gaivotas polar e hiperbórea...
Alternar de cantís e praias como na mesma vila de Cariño a da Concha e a Basteira e baixo o camposanto, entre cantís, a pequecha do Peiral do Campo. Saíndo está a península de Figueiroa con praias abertas á ría, a de Fornos con areas de diferentes tonalidades e o areal de Postiña ou dos cabalos... E pra quen queira atoparse co pasado - aínda que xa no concello de Ortigueira - partindo da parroquia de Serantes poderá visitar o Puzo do Inferno, fonda gorxa labrada polo río. Non lonxe está a fervenza e sobre todas estas paisaxe gaba a silueta do Castro-Castelo do Casón, entre vestixios de valados, foxos e torreóns do que foi un poderoso castro e no século X, en época do bispo Sisnando e de incursións normandas, torre vixía .
Por algo lugar escolleito en todos os tempos, tal como proba as catalogacións e estudos do arqueólogo Emilio Ramil González. Onde por todas partes campan vestixios megalíticos como os do macizo do Limo, os da cima de Lodeiro e os da Cova da Fornalla, asentamentos da idade dos metais e máis aínda castrexos, velaí o machadiño votivo, colgante fundido en bronce, atopado no 1961 na praia de Basteira e hoxe no Museo Arqueolóxico da Coruña, amuleto en relación co sacrificio do touro, o taurobolio. Beiramar tamén de asentamentos romanos como o santuario cristianizado no camiño do Cabo Ortegal en honra do San Xiao do Trebo, avogado pra meigallos e con romaría no rigor do inverno, o derradeiro sábado xaneiro, cando se anuncia a Candeloria... Restos medievais na mesma Pena do Castelo, feudo no século X do rei galaico-leonés, Fernando IV, quen agradecido entrégallo ao seu leal Gutierre Menéndez, pai do San Rosendo.... Dende o século XVII terras do Condado de Santa Marta de Ortigueira, da casa do Montenegro, vinculada aos Trastámara , saga na que radican empresas imperiais. Berce de emigrantes que endexamais deixaron a morriña do seu.
Foi no século XIX, coa expansión das empresas catalás cando Cariño comeza a ser emporio conserveiro, base pra unha burguesía local. Onde no 1887 deixa memoria unha temible galerna e no 1897 refregas do pobo coa Garda Civil. Mesmo ao longo da primeira metade do século XX unha nova e fonda sangría da emigración, recollida e personificada nun dos sete poemas en galego de Federico García Lorca, “A Cantiga do neno na tenda” :”Triste Ramón de Sismundi/Veira do Río da Prata/viu na tarde amortecida/vermello muro de lúa......ao longo das rúas infindas/ os galegos paseiaban / soñando un val imposible na verde riba da pampa.... Versos que inspiraron a Celso Emilio Ferreiro pra outro poema tamén dedicado a “Ramón de Sismundi, morre na tenda”: “Triste Ramón de Sismundi,/ sempre pechado en ti mesmo/ sempre teimoso e segredo/da Galiza pobre e borrosa/ ...”
A vila de Cariño nace no outeiro que foi castro e logo torre medieval, as rúas soben ou baixan ao porto, labirinto de casas mariñeiras, as poderosas de indiano e as máis humildes, máis sempre nimbadas de dignidade, as máis vellas mostrando nas súas cicatrices varias mans de cal e cor, en zócalos, paredes e mesmo nas boas carpinterías, en balcóns e balaustres do máis exquisito deseño modernista. Núcleo arredor da Igrexa onde se venera ao santo Patrón, apóstolo mariñeiro, o San Bartolo, e como en toda vila mariñeira galega, a Estrela Venus farase deusa pra venerase segundo os desexos mariñeiros: a do Carme que auxilia e á das Dores que da consolo ás viúvas dos vivos... A carón do porto a lonxa, as naves das que foron conserveiras, a cetaria, as redeiras... E as empresas que resisten, entre elas “La Pureza” mantendo as esencias de Cariño. Sen faltar novas experiencias. No 1988 Cariño coas súas cinco parroquias emancípase do Concello de Ortigueira, un cabo esencial en Galiza.
Domingo 18-agosto-19