Papiroflexia con “Amor e pedagoxía”

Ampliar: Papiroflexia



Introdúcese ao interese da papiroflexia, cacotoloxía ou origami no desenvolvemento da intelixencia. Técnicas do dobrado ou encarte do papel, básico na arquitectura e a arte. Persoalidades que practicaron a papiroflexia, Unamuno escribiu un tratado.

 

Papiroflexia con “Amor e pedagoxía”

Unha das artes máis antigas foi o tecido, está na natureza, nos vexetais e no mesmo sistema tegumentario duns seres humanos que saben tomar nota de canto lles arrodea. Tecido que se leva aos cabelos, xogando con eles e facendo trenzas, coas febras, cos xuncos, coas xestas, cos vimes... trazando cestería de resultados cada vez máis complexos, até industriais cando o tear e os tecidos se aplican a aparellos mecánicos. O tema da pra moito e  entra no senso lúdico das secuencias matemáticas, rítmicas, xeométricas que conforman unhas técnicas que dan orixe a unha decoración que transcende e se aplica en outros materiais, como o barro, a cerámica, a pintura, a escultura, a filigrana ...a novos e non tan novos materiais, como o papel. Así é que velaí a orixe da arte da papiroflexía, técnicas que tanto teñen inspirado pra pequenos xogos manuais, dobrando ou desdobrando xeometricamente papeis, os que, a pequena escala servirán como maquetas pra megaestructuras escultóricas, arquitectónicas. Asuntos con  algo de pitagórico, en relación co ritmo e por suposto coa música, coa poesía, coa vida... e bla, bla, bla.

A papiroflexia,  tamén coñecida como cocotoloxía  e máis modernamente co termo nipón origami (ori: papel, gami: dobrar)  defínese como a técnica ou arte de tramar figuras con follas ou láminas de papel, dobrándoas xeometricamente de xeitos diferentes. Si ben o origami  xaponés - e tal como son eles niso das secuencias do ritmo - é moi estrito nas regras de factura:  rexeita o uso das tesoiras, de pegamentos e mesmo da cor, soamente admite os infindos xogos de dobraxe do papel. Revisando a arte xaponesa atopamos estas habilidades na factura  dos seus abanos, dos elementos decorativos como faroliños, monstros de papel e até na vestimenta, nos gorros.... Destreza cultural que ven dende a antigüidade, impartida en escolas, con mestres, técnicas, tratados escritos e debuxados, con catálogos e clasificacións de tipos de origami . Todo un universo que expresa e abre á inesgotable capacidade creativa do ser humano. Quizais fose no medievo o viaxeiro  Marco Polo quen, seguindo a Ruta da Seda - e coa invención e difusión do papel en detrimento do pergameo e do papiro -  trouxo a occidente estas técnicas, técnicas medradas polas relacións cos pobos islámicos, máis propensos ás decoracións xeométricas, calidoscópicas, tan en relación co mundo astral.  Aínda que , como xa dixemos, esa ansia experimental con febras ou láminas, está dende a Prehistoria no mesmo adn, no instinto.  Dende o simple pregado de acordeón ou triangulación, do retrinco de figuriñas ou “mariquitas”, a complexas construcións, pasando polo improvisado gorriño triangular con papel de periódico ao barquiño ou ao avión á simple e tópica paxariña, o moiniño de vento... figuras das que moitos non pasamos.

A papiroflexia crea adición, é un xeito de aguilloar o maxín, por algo a algún psicólogo se lle ocorreu meter nos tests pra avaliar a intelixencia de cadaquén, esquemas de desdobramentos de figuras xeométricas, dende as máis simples ás máis complexas:  conos, cubos, pirámides, dodecaedros....A fins do século XIX coas innovacións pedagóxicas e co racionalismo francés  créase un ambiente propicio pra práctica da papiroflexia,  incorporándose ao ensino dende os parvularios. Nas aulas, nas ludotecas, alí onde se busca estimular as ideas, fomentar a constancia, a concentración, a creatividade, divertir, pasar o tempo, mitigar o estres, como terapia dende un pensamento xeométrico, matemático, están as clases de papiroflexia, ate entre reixas, nos talleres grises das cadeas. E así  dobrando e desdobrando tiras ou follas de papel esquécese mesmo quen un é, o que fixo , onde estivo e onde está.

E detrás da técnica  está toda unha teoría e unha praxe, un aprendizaxe que caracterizou a  moitos científicos e creadores: Hans Cristian Andersen, o dinamarqués, fillo de zapateiro, entre soletas de calzado cortadas a coitela, aprendeu e practicou esta arte, sumouna ao coñecemento de lendas viquingas e creou, ilustrou e desdobrou contos. Ben  sabía Andersen, que o que facía se enredaba nas tradicións da súa arte nórdica, esa de secuencias xeométricas e cosmogonías de cadrelos, lazos e entrelazos. O dinamarqués foi un dos grandes referentes da papiroflexia, deixou coleccións, bocexos de ambientes e persoeiros pra moitas das súas obras, cavilados dende estes principios. Sabemos que Unamuno, filósofo contrapelo era máis que un afeccionado da papiroflexia,  xa que se considera como o introdutor en España destas técnicas, ata mesmo escribiu un tratado de cocotoloxía, como el prefería chamarlle pola relación co “coco”: galiña ou   paxariña en francés,  estudo que recolle no epílogo da novela ou “nivola” modernista “Amor e pedagoxía”. Retranqueira parodia dos tratados científicos , manifestación contra a escola única, obra tramada dende a teoría da cocotoloxía e na que o alter ego de Unamuno, o persoeiro don Fulgencio se burla do cientificismo, onde sempre cabe unha “morcilla” , como o amor interfire  nas grandes empresas, xa que é antipedagoxía. Ben sabemos   que Picasso, concentrado e desconcentrado entre ideas novas e vellas, tamén levou a arte da cocoloxía ao museo, deulle color, intercalou, fixo con ela collage;  Mondrian, Victor Vasarely, creador do op art, Cesar Manrique e entre eles o galego Caruncho inspiráron parte das súas obras nestas técnicas do papel. E velaí na Coruña a Fonte das Paxariñas, deseñada en formigón polo arquitecto e pintor Antonio Tenreiro Brochón,  como Richard Serra dobra pranchas de ferro....e xa non digamos na arquitectura Frank Gehry, quen partindo destes principios e dobrando e mesmo engurrando pranchas de titanio chega a un deconstrutivismo arquitectónico. Ao fin e ao cabo a arquitectura, eses espazos pra acoller aspectos da vida dos seres humanos, son cubos, prismas, xeometrías construídas a maiores escalas e nos materiais naturais e artificiais máis variados... e velaí que o arquitecto nipón Shigeru Ban  trama as súas obras como cestas xeométricas e ademais reciclando nelas tubos de cartón. E a outras escalas de patróns, os de xastre ou costureira, dende estes principios a deseñadora e patronista Elena Souto elaborou un traxe para Lady Gaga.

Entre concursos de ideas, creatividade, rapidez... Xapón segue a madurar, estuda e establece períodos na  arte do origami,  respecta ao seu mestre internacional Akira  Yoshizawa, referente niso de abrir a un mundo inesgotable, tamén co seu simbolismo, unha cultura....Inglaterra toma nota e  Robert Harbin, Robert Lang interaccionan este saber coa informática pra logros incribles...como fai Vicente Palacios en España, abrindo ás novas técnicas do “box pleating, sometendo ademais o papel a novas experiencias, humidade, pranchados, incisións, cortes, etc....

E non faltan creadores da papiroflexia que partindo distes principios e coas follas escritas, mesmo cos libros, como materia prima, empapelan murallas, monumentos, fan esculturas... Así é que servidor, aínda clásico, pensa en quen dedicou horas de amor pra escribr algo,  pra ser lido e compartido, pra finalmente non contar mais que como materia prima dunha escultura...os libros  son pra lelos, pra estar nas bibliotecas e nos arquivos, agardando pola man e os sentidos dos lectores. Pero o mundo circula por onde lle cadra. A creadora uruguaia, asentada en Galicia, Luz Darriba parte destes principios, “Cumulum”, “Patchwork”, redes, xeometrías  usando libros e páxinas que “sobran” despois da desiderata das bibliotecas.

Ao fin e ao cabo a vida é como un xogo de dobrego do papel, entre xeometrías, saberes, inventos ou creacións, coas súas engurras e texturas, molladas e pregadas polo tempo tamén.



4-Agosto -2019