Do pobo para o pobo: a humildade e a grandeza de Antonio Fraguas
O ´Día das Letras Galegas do 2019´ dedicase a Antonio Fraguas, ´bo e xeneroso´, etnógrafo, historiador que vive boa parte do século XX, con todo o que significa a sementeira humanista do Seminario de Estudos Galegos, base do Museo do Pobo Galego.
Don Antonio Fraguas Fraguas naceu coa estrela do ben acaecido día dos Santos Inocentes do ano 1905, xornadas despois de que o seu pai, Manuel Fraguas Rodriguez deixara a súa nai Tereixa Fraguas pra embarcar rumbo ao Brasil a traballar de picapedreiro nas obras do tren. Naceu nunha sólida casa tradicional da Insuela de Loureiro, terras de Cotobade, as que do río Lérez van subindo á serra do Suído . Os seus primeiros estudos serán na escola publica. Cando tiña oito anos retorna o seu pai dunhas américas que servirán tema de conversas a redor do lume da lareira, as que lle baten nos miolos os desexos de volver, pero coa familia e pro que, antes, decide mandar ao seu fillo a Vigo a aprender o oficio de maquinista de tren con futuro... O mestre convencerao de que debe seguir na escola de pago de Famelga.. Consellos dos que dependeu quedar en Galiza, facéndolle ver aos país que, denantes de se ir pro Brasil, o mociño debería rematar o bacharelato e si a acaso estudar pra mestre... No 1919 ingresa por libre no Instituto Xeral Técnico de Pontevedra, pasando logo a ser alumno oficial. E velaí os inesquecibles profesores que animaron as súas pescudas, especialmente o amor pola Terra como Ramón Sobrino Buhigas, no debuxo Castelao e sobre todo quen máis o engaiolou foi o filósofo e membro das Irmandades da Fala, tradicionalista, don Antón Lousada Dieguez. Fraguas, a un tempo participa en actividades arredor da lingua e da arqueoloxía, xunto con quen ao cabo do tempo serán influentes compañeiros con ansias semellantes, entre eles o seu inseparable González García-Paz, Filgueira Valverde, de la Sota, Chamoso Lamas, Xosé Sesto .... Son anos de iniciativas culturais e políticas arredor do galeguismo na “Boa Vila”.
No 1924 pasa a Compostela a estudar Filosofía e Letras. Entre os seus profesores lembrou sempre aos que acrecentaron as súas paixóns pola Xeografía, Armando Cotarelo Valledor, Salvador Parga Pondal, Luis Pericot... aínda que aquela era unha universidade na que Galiza estaba ausente, en contraste co ambiente dos parladoiros das Irmandades da Fala, onde o escenógrafo Camilo Díaz Baliño era un referente. Ambiente que no 1923 dera orixe ao Seminario de Estudos Galegos e ás súas xeiras de pescuda... onde Lousada, Risco, Castelao, Cuevillas Otero...eran os guieiros modernistas.
No 1926 cumpre o Servicio Militar na mesma Compostela, liberándose por pouco de ir destinado ás colonias de África, aquí coincide co escultor Uxío Souto pra compartir inquedanzas e sumarse ás Irmandades da Fala e ao Seminario de Estudos Galegos, coincidindo e afianzando a irmandade cos vellos compañeiros, Filgueira ou Chamoso ... onde colabora en temas de Xeografía guiado por Otero Pedrayo, así como nos de Etnografía baixo a dirección de Risco e de Bouza Brey. No 1928 licenciase en Filosofía e Letras, opositando a auxiliar de Xeografía e Historia na facultade compostelá a que ocupará ata 1933. Son anos nos que o aporte de Fraguas aos estudos do seu Cotobade natal serán intensos. Baixo as directrices de Cuevillas participa na catalogación arqueolóxica das terras do Saviñao, Lalín, Melide A Estrada... Fai a historia da Universidade Compostelán e dende entón non deixa de aportar os seus artigos en“ A Nos Terra”, nos “Cuadernos” do S.E.G ou no 1932 colaboracións en Radio Galega, ano no que casa en Valga con Tereixa Martinez Magariños, o sentir e a voz do pobo.
No 1933 fai oposicións como catedrático do Instituto Elemental da Estrada, mesmo participa en mitins con Castelao en favor do Partido Galeguista e do Estatuto de Galiza e mesmo se presentará como candidato á alcaldía da Estrada. Iniciada a guerra, viviu o asasinato, o exilio de varios dos seus amigos... Foi suspendido de emprego e soldo... asuntos silenciados por il.
Moitos daqueles traballos, as pescudas das xeiras, así como o material arqueolóxico, etnográfico ou artístico reunido polo Seminario de Estudos Galegos para formar un futuro museo de Galiza serán espoliados. Por iniciativa de varios membros do mesmo seminario, en resignada conivencia co franquismo, como o coengo Xesús Carro, Chamoso Lamas, Filgueira Valverde... no ano do 1943 o que queda do antigo Seminario, como o que se salvou na biblioteca da Universidade, pasa depender do Consejo Superior de Investigaciones Científica, baixo o nome de “Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento”...
Fraguas sobreviviu, a algúns amigos axudárolle, montou unha academia privada co nome de “Menéndez Pelayo”. No 1950 doutorase na universidade de Madrid co tema da Historia do Colexio de Fonseca, capital e ano no que oposita novamente deica conseguir praza de catedrático no Instituto de Lugo. Cidade na que participa nos parladoiros do Café Mendez Nuñez, conversas centradas polo médico poeta Luis Pimentel, Iglesias Alvariño, Fole, Rof Codina... mesmo aos que acoden os máis novos, como os poetas Manuel María ou Novoneyra... Cidade onde creu alumnos que non o esquecerán , ata que en 1959 e por concurso retorna a Compostela ao Instituto Rosalía de Castro no que permanece ata a súa xubilación no 1975. Segue cos seus estudos arredor de vellas teimas, tradicións e costumes: “La Virgen en el cancionero popular gallego”, “Algunos dichos y creencias a cerca de algunos animales”, “Emoción y recurdos de la Ribeira Sacra”, “Galicia insólita, tradiciones gallegas (1973), “La condesa de Pardo Bazán y el folklore”, “Do tempo e dos astros”, “Murguía”...
Endexamais esqueceu as terras de Maside, a aldea de Listanco, á vista da Trasalba de Otero Pedrayo, onde de mozo pasou tempadas acompañando ao seu pai canteiro. Terras a onde sempre volveu, sen faltar coa súa señora á cita anual de dos baños no balneario do Carballiño.
No 1951 é elixido numerario da Real Academia Galega, ocupa a cadeira que fora de Castelao, o seu discurso: “Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán”, o panteismo nesa interacción paisaxe paisanaxe, e ao que lle responde a grandilocuencia emocionada de Otero Pedrayo.
E velaí que o que está de ser é: no 31 de xullo de 1976 por iniciativa do Colexio de Arquitectos de Galicia, mozos seguidores das teimas de Fraguas, de Bouza Brey, das ansias de Risco e de tantos outros, baixo a presidencia de Xaquín Lorenzo, constitúen o Padroado do Museo do Pobo Galego, acordando que o seu director sexa Fraguas, pra inaugurarse no mosteiro compostelán de Bonaval o 29 de outubro do 1977. Don Antonio non deixa de acudir a traballar ao museo e velaí: “O Traxe popular galego”, “Romarías e Santuarios”.... Para o obradoiro dos canteiros do Museo do Pobo Galego, como si fora a súa mesma casa, doou a ferramenta de canteiro arxina que fora do seu pai e no 1994 fai entrega da súa biblioteca, feita dende neno....
No 1984 recibirá a insignia de ouro do Museo do Pobo Galego, institución da que despois do pasamento de Xocas no 1989, será nomeado Presidente do Padroado e Director. Dende o 1983 é membro sobranceiro do Consello da Cultura Galega, como de varias academias. No 1984 a Xunta de Galicia outórgalle a Medalla Castelao, no 1985 a Fundación Otero Pedrayo dalle o Premio Trasalba; no 1988 recibe a Medalla de ouro de Compostela... no 1992 a Xunta de Galicia noméao Cronista Oficial de Galicia, ano no que tamén recibe o Premio Otero Pedrayo. No 1998 a Deputación da Coruña crea o Certame Antonio Fraguas de Artesanía.
0 5 de novembro de 1999, celebrado tempo de santos, defuntos e magostos, don Antonio é chamado a pasar as barreiras do Trasmundo , a ser luz na Compaña da Alba de Gloria, é enterrado no cemiterio compostelán Boisaca, a carón de algúns dos seus mestres e amigos.
19- Maio -2019