Vimianzo: resume da Historia de Galiza

Ampliar: Castelo de Vimianzo



O Concello de Vimianzo en Terras de Soneira, camiños que van e veñen de Fisterra, resume nos seus escenarios o acontecer da Historia de Galiza: megalitos, castros, romanización, cristianización e suevos, o medievo feudal, representativos pazos...

Hai lugares que son como libros de Historia. Vimianzo é un deses, escenario do antolóxico acontecer da Historia de Galiza. E será pola súa xeoestratexia, punto de encontro en todos os tempos, obrigada feira... Encrucillada nos camiños que van ou veñen de Compostela ou dende a Coruña a ese cabo do Vello Mundo que é  Fisterra... Territorio no que se erguen como altares montes cubertos de pedras labradas polo tempo en formas estrañas, onde o lobo se atrapa en foxos: os montes de Traba , o Faro... miradoiros e control de fértiles veigas, ermos, bosques de “rumorosos”,  no pasado inzados de bestas bravas... os montes da Matanza, Serramo, o Cárreo  e de cara ao nacente o monte de San Bartolomeu, altar que cristianiza vellos cultos ás pedras, dende a Antigüidade coutado por varios recintos e dende o que se outean os castros, das Barreiras, Salto, Sansobre....  Veiga regada polos rios Castro e Cambedo que van ao río Grande, propicia á agricultura, á gandaría, á madeira,  de caolín, de tentadoras canteiras que desafían o que foron respectados referentes, eses bolos xigantes, as veneradas penedas.

Vimianzo é o corazón da Terra de Sub-Neria, Soneira, a que foi parte da Tras-Támara de tribos “célticas” que dicían os romanos, no medievo feudo de prestixiosas casas, como a de Altamira, ou a de Traba, veciña de Nemancos, o que hoxe e Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía...con comissos, comes ou comisionados, condados  outorgados polo Rei, xa con sona en tempos altomedievais, raiceira do feudalismo máis antigo do mundo.

Terra tramada por vellas congostras, á beira do loureiro ou da casa con figueira, onde  os  muíños e batáns de Mosquetín, en Salto, demostran a existencia de todo un traballo preindustrial arredor dos teares, construcións adquiridas e rehabilitados pola Deputación da Coruña a partires do 1997. Paisaxes e paisanaxes gardadoras de esencias tradicionais, amantes do idioma galego, entre acentos de seseo e geada ,  xente que goza das súas tradicións: as regueifas, as pandeiradas ou celebrando en Noal  ao San Vicente, en Cambeda ao San Fins e a Santa Mariña, dando voltas arredor do seu milagreiro carballo...  en Torán facendo festa a Nosa Señora do Monte ou ao San Xoán,  nas Travesas ao San Roque ... unha e outra parroquia competindo a quen ter mellor romaría ou encontros no tempo da esfolla, do liño, da matanza... onde o pano durou na cabeza das mulleres, polo xeito de levalo denotando casta, en ocasións vestidas de loito en lembranza fiel polos seus ausentes...

As raiceiras das orixes son ben fondas aquí, a xulgar polas pegadas arqueolóxicas: abondan os restos de todo tempo, especialmente do Megalitismo, eses grandes monumentos pétreos da etapa final do Neolítico, arredor do quinto milenio antes de Cristo, asomando as súas mámoa, arrogantes, dominando a Terra e o Tempo. Sen faltar as canteiras de onde se cortaron as súas xigantescas chantas ... monumentos funerarios nimbados de misterios sobre a súa construción ou as liturxias astrais. Con chantas que no interior aínda conservan trazos roxos, negros, brancos, ocres en pinturas xeométricas que nos remontan á cestería...entre outras insculturas, sen faltar neles as cruces da cristianización. Monumentos que os paisanos dicían ser “casa” ou “arca”dos mouros”, os memorados habitantes do pasado. Por iso Vimianzo ven a ser a cerna da “Ruta dos Dolmenes”, si ben compre comezar a  visita polo dolmen de  Dombate no veciño concello Bergantiñán de Cabana...pra logo meternos nun labirinto de antigas vereas pra coñecer  a Pedra Cuberta, a Pedra da Moura, a Pedra da Lebre,  no concello de Zas a grandiosa Arca da Piosa, monumento que inspirou a Pondal pra maxinar nela a tumba do céltico guerreiro Brandomil... a Pedra da Arca, a Arca de Rabós, a de Vilaseco, a Mina de Recesindes, a estrana caseta de Freáns, a que máis semella ser caseta de pegureiro.. no 1933 visitadas e estudas polo alemán Georg Leisner .

Secuencia prehistórica continuada e ampliada na Idade dos Metais, especialmente na do Ferro, a xulgar polos significativos asentamentos castrexos, como o de Orbellido, onde se atopou casualmente un torques de ouro, hoxe no Museo Arqueolóxico da Coruña, ou o Castro das Barreiras, asentado na chaira con foxos e valados  entre o que serían desaparecidas brañas, pra quedar o topónimo de vimes, Vimianço, conxunto defensivo estilo “hill fort”  británico e cunha datación que se perde no século V antes da nosa era, base de xentilidades, de grupos familiares, estruturas sociais aproveitadas e melloradas polos romanos, despois pola cristianización e polos suevos, como proba no concello de Muxía o asentamento romano altomedieval do igrexario de San Xián de Moraime, berce do feudalismo,  tal como tamén proban os vestixios aparecidos no igrexario de Tins, entre eles a estela funeraria de “Victorinus”, hoxe no Museo Arqueolóxico da Coruña e  que pola expresión “in pace” parece remitirnos a un enterramento cristián do século IV,  como tamén poido pasar en  Treos, Bamiro, ou en Cereixo,  igrexa esta de feitura románica, con pórtico representando a translatio do Apóstolo, e no interior curiosos e antigos esteos de madeira. Templo asentado  a carón do pazo que foi dos Taboada e Maceda, erguido no século XVII sobre torres medievais, con grandioso hórreo e muíños, que foron habitados polo coreógrafo galego Rei de Viana, con vistas abrindo á desembocadura do río grande en Ponte do Porto ...

Territorio sempre nas miras dos señores, da  mitra compostelán ou do mosteiro de San Xián de Moraime , berce da competitiva casa de Traba, onde no século XIV asentan os Mariño de Lobeira, logo dos Moscoso de Altamira,  da cerna da poderosa casa dos Trastámara, os máis rancios fidalgos do medievo. Son estes os que levan a construír o Castelo de Vimianzo, obra antolóxica do século XIII, cerna dunha gran xurisdición até a súa decadencia no século XIX,  cando os Altamira venden o castelo aos Martelo,  pra logo volver á mitra compostelán e no 1973 ser adquirido pola Deputación da Coruña. Fortificación rehabilitada polo arquitecto Fernández Gago na que se acollen hoxe aspectos en relación coa súa historia e coas artesanías da Costa da Morte: o liño, as bolilleiras, a cestería, os oleiros, a pratería, coiro, madeira.... Torres cheas de lendas e acontecer, entre as que, nas revoltas irmandiñas estiveron encadeados ilustres persoeiros, onde Pedro Madruga apresou ao bispo de Tui Diego de Muros e de 1465 a 1467 estivo apresado polos Moscosos o arcebispo compostelán, erasmista, impulsor da Universidade, Alonso II de Fonseca.

Terra de sobranceiros igrexarios con solemne parroquial e reitorais, revestidas no Barroco, como o sobranceiro da Concepción, á beira dun camiño beireado por casas labrega, hórreos, pendellos.... Fidalguía que , en  momentos de paz segue expandindo o seu poder, agora en soberbios pazos de grandes predios, velaí o Pazo de Trasariz con ben traballada solaina cara á estada que leva a Porto de Carros, cara á calmosa ría de Camariñas, formada polo río Grande, troiteiro por excelencia. A Casa dos Lema en Berdoias e Boallo. Así pois “Ruta dos Pazos”  que pode comezar no concello de Zas polas Torres do Allo, dos inicios do XVI e que foi  dos Gómes de Rioboo, lugar de lecer do naturalista decimonónico Víctor López Seoane.

Paraíso da toponimia: Sansobre, Razamonde, Carnés... camiños con antigos cruceiros, como a xoia gótica do dos Santos de Cheís... No século XX terra de emigrantes ás Américas, a Bos Aires e ao Uruguai. Territorio ben tripado, querido,  estudado e defendido por Xosé María Lema Suárez, de Bamiro, imprescindible pra furar na historia desta terra. E a Urroa, aldea na que se refuxia o escritor Manuel Rivas, en dialogo coa paisaxe e a paisanaxe pra atopar inspiración. Lección histórica, merecente de todos os agarimos e na que por todos os sentidos.



17 marzo 2019